Sand Land terá videoxogo en abril

venres, 12 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Bandai Nanco anunciou hoxe que o vindeiro 26 de abril é a data escollida para o lanzamento do seu agardado xogo de rol de acción Sand Land inspirado no manga homónimo de Akira Toriyama (creador de As Bólas Máxicas, quen deixou grande pegada no sector dos videoxogos na saga Dragon Quest e en clásicos como Chrono Trigger e Blue Dragon).
O xogo contará con versión para PS4, PS5, Xbox Series X|S e PC, ofrecendo un grande mapa que explorar cunha grande variedade de vehículos mentres encarnamos a Beelzebub dirixindo a un grupo de heroes inadaptados na procura dun manancial de lenda oculto no deserto, enfrontándose a bandidos, a agresiva fauna e mesmo o Exército Real.
Resulta bastante curioso o feito de que Sand Land sexa agora unha obra relevante, xa que o manga orixinal publicouse no ano 2000 (publicándose en España en 2001) e a súa adaptación audiovisual non veu a luz até o pasado verán, cando se estreou nos cines xaponeses, descoñecéndose se chegará a estrearse en tal formato no noso territorio, xa que está previsto que Disney+ estrea a produción en formato de serie a vindeira primavera, incorporando material descartado no filme.

Tráiler do videoxogo de Sand Land

PUBLICIDADE