Sancionan a 5 concellos de Xirona por ofrecer acceso á Rede por Wi-Fi aos seus veciños

venres, 3 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Imaxe do alcalde de Campillong no diario Público

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) sancionou as localidades xerundense de Bordils, Campllong, Espinelves, Fornells de la Selva e Quart por dar aos seus veciños acceso á Internet a través de Wi-Fi para atender os problemas de cobertura que tiñan nas vilas (nas que era imposible conectase á Rede en certas zonas).
Os concellos, que agrupan a pouco máis de 6.500 habitantes, contrataron os servizos da empresa Gesmedia, e investiron uns 58.000 euros en conxunto e apenas daban servizo a 197 usuarios, e aínda que as sancións da CMT son reducidas (suman 8.000 euros entre as 5 vilas) ten como consecuencia que preto de dous centos de fogares quedan sen o acceso á Rede, o que indigna aos rexedores dos concellos que denuncian que a Administración e as operadoras «non fixeron a súa labor», segundo comentou a Público o alcalde de Campllong, Lluís Freixas.
Dende a CMT sosteñen que só aplican a lexislación vixente, que parece precisar dunha revisión para poder permitir solucións extraordinarias en localizacións que non resultan de interese para a súa explotación comerciar por parte de operadoras de telecomunicacións.

PUBLICIDADE