Sanción exemplar a un xogador profesional de LOL por violencia machista

xoves, 23 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Os eSports parecen ser máis semellantes aos deportes tradicionais do que pensamos, trasladando tamén comportamentos violentos e machistas, o que claramente queren evitar os responsables das competicións en deportes electrónicos, de aí que estean a endurecer as sancións ante comportamentos indebidos, o que resulta evidente no caso do xogador profesional de League of Legends Li Vasilii Wei Jun, que vén de ser expulsado da competición até o 1 de xaneiro de 2020 por ter agredido verbalmente á súa moza durante unha retransmisión de vídeo en directo.
A Liga Profesional de LOL investigou os acontecementos do pasado 26 de outubro, concluíndo que non había evidencias de agresión física de Vasilii á súa parella, pero as súas ameazas eran tan cribles que a moza chamou á policía, o que consideran que é un comportamento inaceptable.
Vasilii xa amosara en competicións o seu carácter agresivo (golpeando o teclado e intimidando a un operador de cámara), polo que a organización da Liga decidiu tomar medidas drásticas e, en vez de aplicar unha sanción de entre 3 e 10 meses de competición segundo indica o regulamento, optaron por vetalo durante 20 meses de competición, por considerar que a sanción máxima que tiñan definido era demasiado lixeira para casos de tal gravidade, levando a que revisen agora a súa táboa de sancións.

PUBLICIDADE