Samsung actualiza os seus reloxos conectados

mércores, 26 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Para acompañar aos novos encartables de Samsung veñen de presentar a nova xeración de smartwatches de Samsung: o Galaxy Watch6 e o Galaxy Watch6 Classic. Estes accesorios están deseñados para axudar aos usuarios a mellorar os seus hábitos diarios para levar unha vida máis saudable, aínda que tamén contan con grandes prestacións grazas ás súas aplicacións destinadas á comunicación e ao consumo de contidos sonoros.
De cara ao benestar persoal os novos reloxos melloran especialmente a monitorización do sono, analizando os datos do descanso nocturno para afondar na calidade do sono, achegando tamén consellos para a súa mellora. Tamén analiza a composición corporal (con medicións como o músculo esquelético, a taxa metabólica basal, a auga corporal e a porcentaxe de graxa corporal); mellora as funcionalidades relativas á medición da frecuencia cardíaca (detecta en segundo plano frecuencias cardíacas anormalmente altas ou baixas), monitoriza a presión arterial e realiza electrocardiogramas; mide a temperatura da pel para poder facer un seguimento do ciclo menstrual; e incluso conta con detección de caídas (para avisar aos servizos de emerxencia ou a contactos preseleccionados en caso de accidente).
A pantalla do reloxo incrementa o seu tamaño, o seu brillo e a súa resolución, polo que é mellor para ler e escribir, e tamén mellora a súa batería, conseguindo así unha mellor autonomía.
O Galaxy Watch6 ten un bisel que reduce o seu grosor un 30%, mentres que o Watch6 Classic adelgaza o seu bisel xiratorio un 15%.
No ámbito das aplicacións o feito de contar con Wear OS fai que xa poidan gozar dunha aplicación de WhatsApp que permite un uso completo de mensaxes de texto e voz (detalle do que carecen o resto de sistemas operativos de wearables); e anuncian que este outono poderemos ter tamén no reloxo Google Calendar e Gmail. Tamén está previsto que en breve a plataforma de streaming sonoro Audible chegue a Wear OS.
O Galaxy Watch6 xa pode reservarse, chegando oficialmente ao mercado o 11 de agosto en versións con esfera de 40 e 44 milímetros, a prezos que están entre os 319 e os 399 euros; mentres que o Galaxy Watch6 Classic terá versións de 43 e 47 milímetros e prezos de entre 419 e 499 euros.

PUBLICIDADE