Sae á venda o segundo volume do libro Ocho Quilates

luns, 29 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Jaume Esteve Guitiérrez lanzou no verán o primeiro volume de Ocho Quilates, un libro que recolle a historia do sector dos videoxogos desenvolvidos en España entre 1983 e 1986 a través de varias entrevistas, que converten o texto practicamente nun documento histórico do lecer dixital, e finalmente chega o seu segundo volume, moito máis interesante e representativo do que foi o apoxeo do sector, por abordar o ciclo entre 1987 e 1992, desencadeado pola baixada de prezos de ERBE a 875 pesetas a primeiros de 1987, o que disparou as vendas e dinamizou o sector.
Neses tempos destacaron compañías como Dinamic (con xogos como Fernando Martín e Game Over), Opera (Livingstone Supongo) e Topo Soft (Desperado e Mad Mix Game), e incluso naceu o xogo La Abadía del Crimen, considerado por moitos como o mellor xogo de 8 bits e incluso o mellor xogo español de todos os tempos. Así, o segundo volume de Ocho Quilates recolle o momento no que os videoxogos españois conseguiron destacar ata que as consolas de videoxogos conseguiron eclipsar aos xogos orientados a ordenadores domésticos.
Como na anterior ocasión, o segundo volume de Ocho Quilates pode adquirirse en distintos formatos, que van dende o ePUB a 4,95 euros ata un lote completo cos dous volumes en papel e dixital por 40 euros.

Inspirado en El Nombre de la Rosa, o xogo La Abadía del Crimen é un dos clásico recollidos no libro de Jaume Esteve

PUBLICIDADE