Sae a demo de NBA 2K9

venres, 3 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Pau Gasol tamén aparece no NBA 2K9

Os xogos deportivos chegan ao seu enfrontamento típico do outono, e mentres o FIFA 09 parece ter todas as cartas para derrotar ao PES 2009, no baloncesto a cousa non está tan clara, aínda que este mes se debería resolver a pugna, pois a vindeira semana sae á venda o NBA 2009 e aínda que o NBA 2K9 non sairá ata o día 24, a súa versión de demostración chegou hoxe ás consolas de videoxogos de alta definición.
Este último título podería ter unha lixeira vantaxe sobre o de Electronic Arts (pois a súa entrega anterior foi o xogo de baloncesto máis vendido para Xbox 360), pero a preferencia por un ou outro título pode estar máis na súa dinámica de xogo que na súa calidade (xa que están orientados a distintos tipos de xogadores).
Aínda que NBA 2K9 terá versións para PS2 e PC, serán as entregas para Xbox 360 e PS3 as que tirarán proveito da alta definición que permiten as consolas (con melloras nas texturas, os uniformes, os movementos e mesmo as reaccións do público) e do modo de xogo en liña (estreando o modo de xogador 5 contra 5 con control total do equipo). Os xogadores incluso poderán crear os vídeo-resumes coas súas mellores xogadas para poder publicalos na web.
Parece así que dende 2K Sports non se durmiron nos loureiros, e esta nova entrega da saga deportiva vai manter o nivel que lle permita conservar o trono dos xogos de baloncesto.


A demo de NBA 2K9 veu acompañada cun novo trailer do xogo

PUBLICIDADE