Sae a demo de Dragon Ball: Raging Blast para Xbox 360

xoves, 22 de outubro do 2009 Marcus Fernández

No xogo poderanse revivir combates míticos da serie de televisión de As Bolas Máxicas

O Bazar de Xbox LIVE recibiu hoxe unha demo de 261 Mbytes do xogo Dragon Ball: Raging Blast para Xbox 360 (a versión de demostración para PlayStation 3 aínda non está dispoñible) de xeito que os usuarios Gold de LIVE poden ver un adianto do xogo que chegará ás tendas españolas o vindeiro 13 de novembro.
Esta versión reducida do xogo limítase a presentar o modo Versus, no que podemos enfrontar aos personaxes de Son Goku (na súa forma normal e coma super-guerreiro), Pikoro (con ou sen capa e turbante) e Rádix, o irmán de Son Goku que foi un personaxe bastante fugaz dentro do primeiro arco argumental da serie de televisión Dragon Ball Z.
O xogo de acción en 3D ofrecerá moito máis do que podemos ver nesta demo, pero é un bo achegamento a este título que incluso permitirá combater contra xogadores de todo o mundo a través de Xbox LIVE, á vez que revivir moitos os momentos e batallas da serie de televisión que puidemos ver pola TVG e que marcou a toda unha xeración.

PUBLICIDADE