Sada acolle un curso sobre métodos para falar de ciencia pola vías presencial e virtual

luns, 7 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

A divulgación científica -a práctica de poñer o coñecemento da investigación máis preto de todas aquelas persoas que no seu día a día non teñen contacto apenas con ese coñecemento- precisa cada vez máis dos máis variados recursos comunicativos que achega a Rede. Dito doutro xeito: falar de ciencia e explicala nunha enciclopedia en liña, nun foro participativo ou nunha bitácora é hoxe en día un bo xeito de eliminar atrancos informativos. É case coma se a ciencia tivese potencial para aproveitar esta ocasión e saír á rúa. Acadar que ese potencial se leve á práctica é un dos grandes obxectivos do curso de verán Introdución á Divulgación Científica na Sociedade, que se desenvolve dende mañá martes até o xoves 10 na Casa da Cultura de Sada e que conta (entre outras) coa presenza de Cristina Seco (directora de Netbiblo, editorial en liña de obras científico-técnicas) ou de Javier Pedreira, Wicho (coautor do blog de divulgación Microsiervos).
A idea dunha boa parte do curso, como se pode supoñer, é a de afianzar ligazóns entre a tarefa infestigadora (xenérica e particular) e os novos xeitos de comunicar que esixe a sociedade.
O acto de apertura (ás 9:30 horas) desta iniciativa organizada pola Universidade da Coruña correrá a cargo do reitor, José María Barja e contará tamén coa presenza de Abel López, alcalde de Sada; Luís Caparrós, vicerreitor de Cultura e Comunicación da Universidade da Coruña; Rogelio Conde-Pumpido, Director Xeral de Promoción científica e Antonio Sanjuan, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC e codirector do curso.
Para máis información, cómpre enviar unha solicitude ao enderezo electrónico marinares@udc.es. Para inscribírmos, a UDC achega o seguinte teléfono de contacto: 981 167 000 ext 1963.

Programa do curso en formato PDF

Programa
DÍA 8 DE XULLO
9:00-9:30 Recepción dos asistentes e entrega de documentación
9:30-10:30 Inauguración do curso con José María Barja –reitor da Universidade da Coruña-, Abel López Soto –alcalde do Concello de Sada-, Rogelio Conde-Pumpido Tourón –director xeral de Promoción Científica-, Antonio Sanjuan –decano da Facultade de CC. da Comunicación e codirector do curso-.
10:00-10:30 A Investigación da UDC. Concepción Herrero, vicerreitora de Investigación da UDC
10:30-11:00 A Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI). Pilar Pintor, directora
11:30-12:30 A Asociación Catalana de Comunicación Científica: unha experiencia mediadora. Mercè Piqueras, presidenta da ACCC.
12:30-13:30 Percepción social da ciencia – mesa redonda. Xosé Carlos Millán Calenti - investigador do Grupo de Xerontoloxía da UDC -, Xosé Luís Vilela – director de La Voz de Galicia-, Félix Monteira –delegado en Galicia de El País-, Antonio Sanjuan –moderador-.
17:00-19:00 Visita a La Voz de Galicia.
DÍA 9 DE XULLO
10:00-11:00 A publicación en editoriais especializadas: o caso de Netbiblo. Cristina Seco, directora editorial
11:00-12:00 Estilo de comunicación científica. Usos e abusos da linguaxe especializada. Luís Álvarez Pousa, profesor de Xornalismo especializado da Facultade de Ciencias da Comunicación, Universidade de Santiago de Compostela
12:30-13:30 Da universidade aos medios- mesa redonda- Josep María Arias - presidente da Asociación Universitaria de Gabinetes de Comunicación, AUGAC, e dircom da Universidade Rovira i Virgili-, María Solar – copresentadora do programa CienciaNosa da TVG-, Javier Pedreira (Wicho) – un dos autores de Microsiervos e responsable de informática dos Museos Científicos Coruñeses no Mundo RealTM-, María Ares –moderadora-.
17:00-19:00 Preparación dun encontro cos medios de comunicación: obradoiro. Como enfrontar unha convocatoria de prensa/entrevista/artigo de opinión. José Videla –xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña.
DÍA 10 DE XULLO
10:00-11:00 Plataforma de Comunicación Científica do MEC: Servizo de Información e Noticias Científicas. Cecilia Cabello, xefa do departamento de Ciencia e Sociedade da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, Fecyt.
11:00-12:00 Recursos de Promoción Científica da Xunta de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido, director xeral.
12:30-13:30 A práctica na difusión do coñecemento dun xornalista. Raúl Romar, xornalista especializado en información científica de La Voz de Galicia.
17:00-18:00 Café científico (escenificación nunha cafetería), Xurxo Mariño e Casto Rivadulla, Grupo Neurocom da Universidade da Coruña, co actor Vicente de Souza.
18:00–19:00 A ciencia nos medios de comunicación- conferencia de clausura, Ramón Núñez –director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, relator no Máster de Comunicación Científica, Médica e Medioambiental da Universidade Pompeu Fabra.
19:00-20:00 Acto de clausura – mesa redonda sobre o tratamento informativo da investigación nos medios locais, Concepción Herrero –vicerreitora de Investigación da UDC-, Antonio Sanjuan –codirector do curso-, Manolo Ferreiro – director de El Ideal Gallego-, Francisco Orsini –director de La Opinión-.

PUBLICIDADE