SEGA recupera varios dos seus xogos clásicos en consolas domésticas e dispositivos móbiles

luns, 8 de outubro do 2012 Marcus Fernández

A xente de SEGA quere aproveitar os seus clásicos para continuar a facer caixa, e así nos últimos días estreou no Bazar de Xbox LIVE Arcade as adaptacións á alta definición dos xogos Sonic Adventure 2 e NiGHTS into dreams..., que tiveran moi boa acollida inicialmente en Dreamcast e SEGA Saturn respectivamente, e que agora poden gozarse dende a consola de alta definición de Microsoft (o pasado día 3 xa chegaran á PlayStation 3).
Lembremos que Sonic Adventure 2 temos un título no que podemos elixir o bando ao que apoiar á hora de atopar as Chaos Emeralds e máis de 30 escenarios repletos de acción e con numerosos personaxes clásicos e novos; mentres que NiGHTS into dreams... sitúanos nun mundo de soños no que recoller esferas de cores e enfrontarse a distintos inimigos para salvar Nightopia do malvado Wizeman the Wicked. Estes xogos véndense a 800 puntos cada un para Xbox 360 e a 7,99 euros para PS3.

Smartphones e tablets no punto de mira de SEGA

Pero dende SEGA non só apuntan ás consolas de alta definición, senón que tamén atoparon nas plataformas móbiles un novo caladoiro, de aí que adianten que en breve van lanzar o xogo Sonic Jump, que ten toda a pinta de ser un título do ourizo cacho azul na liña Rayman Jungle Run, ou sexa, que adaptaría o sistema de control dun xogo típico de consola doméstica á pantalla táctil de móbiles e tablets, limitando a interacción física a premer co dedo sobre a pantalla para efectuar accións en momentos xustos, aínda que tamén podería ser unha revisión dun xogo que co mesmo título chegara a terminais móbiles con Java en 2007, e que viña a ser un clon de Doodle Jump.
Non é o único xogo para dispositivos móbiles que prepara SEGA, e así, tamén confirmou que proximamente vai incorporar á App Store unha conversión do mítico Crazy Taxi adaptado para iPhone Touch, iPhone e iPad. Entendemos que o xogo só está a agardar pola aprobación de Apple para estar dispoñible, permitindo revivir este clásico de Dreamcast en smartphones e tablets.
Con estes anuncios dá a impresión de que resulta máis rendible recuperar vellos títulos e explotar as mesmas franquías de sempre (lembremos que Sonic está a celebrar o seu 25º aniversario) que crear novas marcas.


Anuncio en vídeo da adaptación de Crazy Taxi a iOS

PUBLICIDADE