SEGA prepara novos xogos móbiles para o inverno

martes, 22 de outubro do 2013 Marcus Fernández

SEGA está a buscar explotar as súas franquías en plataformas móbiles, e a pasada fin de semana anunciou varios títulos que chegarán nos vindeiros meses a Android e iOS tras o seu paso por consolas domésticas e portátiles. Un dos xogos máis destacables dos que poderemos gozar este inverno será Sonic All-Star Racing: Transformed, o xogo de carreiras de Sonic e os seus amigos que é o segundo da súa franquía, e que na anterior entrega tamén desembarcara en dispositivos móbiles. Desta volta tamén permitirá competir ata 4 xogadores en local e participar en competicións en liña.
Tamén no inverno veremos, polo momento só para iOS, o MOBA Demon Tribe, título dun dos responsables de sagas como Panzer Dragoon e Yakuza que achéganos a un mundo de fantasía escura na que derrotar a unha vaga demoníaca en grandes batallas cooperativas e competitivas de ata 6 xogadores (3 contra 3) simultáneos.
Outro xogo que tamén chegará a iOS será Rhythm Thief & the Paris Caper, que estará dispoñible a primeiros de 2014, e que recupera a mecánica dos xogos musicais baseados no ritmo, vestindo tal mecánica cunha aventura de misterios cun estilo gráfico de animación xaponesa.
A estes 3 xogos novos vai acompañalos o mes que vén para iOS e Android unha revisión dun clásico, Sonic The Hedgehog 2- Remastered, que devolve á actualidade ao xogo no que se estrear o personaxe alcumado como Tails, e que amosará un audio remasterizado, efectos visuais actualizados e unhas animacións a 60 cadros por segundo. Estamos ante a estrea de Sonic 2 en Android, mentres que os usuarios de iOS recibirán este xogo como actualización da actual versión do mesmo.

PUBLICIDADE