Roberto Zompi (Magneti Marelli) e Victor Tuson (Canonical) participarán en LibreCon 2015

xoves, 24 de setembro do 2015 Redacción

Roberto Zompi, un dos grandes expertos na aplicación de software de código aberto no ámbito dos coches intelixentes, e Victor Tuson Palau, vicepresidente de Canonical (a empresa creadora do sistema operativo Ubuntu), participarán como relatores en LibreCon 2015. Lembrar que as entidades empresariais AGASOL, ASOLIF e Clúster TIC Galicia son as organizadoras deste evento, un punto de encontro ineludíbel para os seareiros, usuarios e desenvolvedores (empresas, profesionais) dos ámbitos galego, estatal e internacional da programación aberta. A cita é en Compostela os días 29 e 30 de outubro.
Roberto Zompi, informa a organización, é xerente de Enxeñaría Avanzada na multinacional de compoñentes e sistemas de alta tecnoloxía para o automóbil Magneti Marelli, pertencente ao Grupo Fiat Chrysler, histórico propietario de marcas do prestixio de Ferrari, Lancia, Alfa Romeo e Maserati. É tamén vicepresidente de Genivi Alliance, un consorcio que promove a aplicación de software de código aberto no eido do motor.
Victor Tuson Palau é vicepresidente de Canonical, a empresa que está detrás do sistema operativo lbre Ubuntu, e é o responsábel dos proxectos para a aplicación desta ferramenta open source aos dispositivos móbiles. Ambos os dous expertos participarán nas sesións plenarias da quinta edición de LibreCon, para a que se estima unha participación de 1.500 profesionais e unhas 600 empresas.
Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia e director de Desenvolvemento de Negocio de R, sinalou que "a participación de Roberto Zompi en LibreCon 2015 garante un debate do máximo nivel nun eido de tanta relevancia económica como é a aplicación das tecnoloxías abertas ao sector do Automóbil".
Pola súa banda, Xavier Castaño, presidente de AGASOL, manifestou a súa satisfacción por poder confirmar a participación de tecnólogos do prestixio de Victor Tuson Palau e Roberto Zompi. "En datas vindeiras agardamos poder confirmar máis relatores que completarán un panel de auténtico luxo, de xeito que o encontro será unha oportunidade única para coñecer casos de éxito, inspirarse nos consellos dos expertos e facer networking", asegurou. Castaño engadiu que a inscrición de participantes avanza a bo ritmo e animou a todos os interesados a visitar a web de LibreCon para conseguir as súas entradas.
Segundo informou recentemente o Clúster, a conferencia ten por obxectivo fundamental dar novos folgos ao negocio e ao emprego en todos os sectores da sociedade botando man dunha fórmula con grandes beneficios e vantaxes para o conxunto da sociedade: a fórmula do software libre.
Esta edición xirará arredor das seguintes temáticas: a electrónica de consumo, o motor (sistemas de lecer, automóbil conectado), a Internet das Cousas, o software libre na docencia e o comercio electrónico.
O programa de Librecon abranguerá conferencias, mesas redondas e presentacións de iniciativas que irán artellándose en itinerarios centrados na difusión de coñecemento práctico aplicado de solucións abertas, a través de casos de éxito reais no ámbito público e privado en cada un dos eixos temáticos.
Segundo lembran AGASOL e o Clúster TIC, haberá zona de obradoiros e demostracións de produto na que se presentarán solucións abertas “cun enfoque eminentemente práctico”, polo que estarán dirixidos cara a perfís máis técnicos cun alto poder de decisión nos departamentos de IT de diferentes organizacións.
Como recordaremos, LibreCon é un evento de nivel mundial que xunta expertos de distintos ámbitos e organizacións internacionais. En entregas anteriores, contou coa presenza de Bruce Perens, co-fundador da Open Source Initiative (OSI), Jeremy Allison, da área de Open Source de Google, Jesús Ruiz, director de Innovación Aberta de Banco Santander, Peter Hofmann, responsábel do proxecto LiMux do Concello de Múnic, Timur Pulathaneli, enxeñeiro de desenvolvemento en Ford ou Jim Whitehurst, presidente de Red Hat.
“LibreCon”, sinalan os organizadores, “é un foro único para coñecer algúns dos casos de éxito de negocios e tecnoloxías abertas máis relevantes do panorama internacional”. Segundo comenta Xavier Castaño, presidente de AGASOL, “a conferencia tamén é un punto de encontro de networking no que se fomentan o tecido empresarial, os investimentos e o emprego”. Ademais, sinala, “será un evento no que teremos a oportunidade de xerar negocio con algunhas das principais compañías e entidades de Europa”.
Para AGASOL, está claro que Santiago de Compostela, grazas a LibreCon, “converterase durante dous días no centro dos negocios, o emprego e as tecnoloxías abertas a escala internacional, e máis nunha cita obrigada para a industria tecnolóxica, coa presenza de directivos de todos os niveis, responsábeis técnicos, traballadores do sector e axentes públicos e privados tractores de innovación, coñecemento, emprego e negocio que queiran coñecer o último en solucións baseadas en tecnoloxías libres”.

PUBLICIDADE