Richard Stallman, premiado na Conferencia Internacional de Software Libre de Badaxoz

xoves, 8 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

O nome de Richard Stallman aparece de xeito automático (e a base de ben) nos buscadores de Internet cando procuramos calquera información sobre software libre. É, por dicilo así, o padriño deste xeito aberto e participativo de entender a informática e as redes, e semella ter vitaminas abondas na súa persoal peregrinaxe polo mundo adiante, de congreso en congreso, achegándolle a empresas, institucións e particulares novas razóns para cambiar un software (o pechado) polo outro (o aberto).
Stallman pode gustar ou non, pero semella que non atura moito tempo encirrado na súa casa pudendo estar perante un auditorio defendendo a súa cruzada polas aplicacións libres. Así o entende polo menos a organización da terceira convocatoria da Conferencia Internacional de Software Libre que se está a celebrar en Badaxoz.
Alí, perante un auditorio notoriamente afín á súa causa, Richard Stallman foi galardoado co I Premio Internacional Estremadura de Coñecemento Libre polo seu labor a prol da defensa e do desenvolvemento de programas de fonte aberta en todo o mundo. O premio (a título de honra e por iniciativa da Junta de Estremadura) recibiuno de mans do presidente do Goberno autonómico, Juan Carlos Rodríguez Ibarra, durante o acto de apertura das xornadas, que, por certo, están a reunir estes días ó máis salientable da comunidade de software libre do eido internacional. Stallman manifestou estar moi agradecido polo recoñecemento ó seu traballo dentro do proxecto GNU, que foi posto en marcha coa finalidade de desenvolver un sistema operativo completo e libre.

PUBLICIDADE