Ribeira achega 15.000 euros en cupóns desconto a través da súa plataforma de marketplace

venres, 4 de novembro do 2022 S. P.

O Concello de Ribeira presentou os detalles da nova edición da campaña Amaribeira, unha iniciativa a prol do comercio local que collerá impulso, nun primeiro intre, na aplicación de cupóns de desconto no marketplace local Ribeira Store. En base a isto, os cidadáns e visitantes que aposten polos establecementos de proximidade poderán, coa axuda do seu móbil, gozar de descontos de 30 euros nos seus produtos.
Os negocios interesados en adherirse poderán anotarse a partir do vindeiro luns 7 de novembro. A iniciativa, abeirada ao Plan de Medidas Reactiva Ribeira, foi presentada polo alcalde Manuel Ruiz, o presidente da Asociación de Empresarios, Francisco Martínez Gude, e o concelleiro de Promoción Económica, Ramón Doval. En total, mobilizaranse 15.000 euros en cupóns.
Ruiz Rivas recordou que o pleno aprobou no pasado setembro dedicar 300.000 euros do remanente a unha nova campaña Amaribeira, dos cales 15.000 euros están destinados a ofrecer cupóns de desconto exclusivos en Ribeira Store. A mecánica será similar á da anterior convocatoria, de tal xeito que se poden obter descontos de 10 euros por cada 30 euros de compra ata un máximo de 30 euros por persoa usuaria. “Isto significa que a iniciativa podería provocar un movemento de cartos duns 50.000 euros”, sinalou.
O período de validez dos cupóns abranguerá dende o día 14 ata o 20 de novembro, xa que logo a Asociación de Empresarios emprenderá a súa propia campaña polo Black Friday.
Aqueles establecementos que queiran adherirse á iniciativa e ofrecer cupóns de desconto nos seus produtos ou servizos en Ribeira Store poden apuntarse a partir do próximo luns 7 de novembro, habendo de prazo ata o final da campaña.
Bonos QR en Nadal e xaneiro
Máis adiante, na época de Nadal e xaneiro, será cando se active por parte do Concello de Ribeira a campaña de bonos QR Amaribeira destinados aos establecementos físicos, que segundo as estimacións municipais beneficiarán a entre 8.000 e 10.000 persoas.
Francisco Martínez agradeceu a implicación do Concello cunha iniciativa que “vai favorecer a moitos comercios do municipio e manifestou a súa disposición a seguir colaborando”.
Para máis información sobre como adherirse a campaña (vendedores) ou como utilizar os cupóns de desconto (usuarios) pódense consultar as bases que se van publicar na web www.ribeira.gal.

PUBLICIDADE