Rexistran un novo record na máquina recreativa de Popeye de 1982

martes, 20 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Ben Falls superou os 3 millóns de puntos no xogo de Popeye

Pese ás décadas que teñen enriba, non son poucos os amantes dos videoxogos clásicos que continúan a gozar das vellas máquinas recreativas, conservándoas en bo estado e competindo para acadar as mellores puntuacións, e aínda que son moi populares algunhas marcas como as que se refiren ao xogo Donkey Kong (que incluso protagonizou un documental), dende Brooklyn sorpréndenos o campión Ben Falls, que foi quen de rexistrar 3.023.060 puntos no xogo de Popeye, un dos primeiros grandes éxitos de Nintendo, que chegara ás recreativas en 1982, contando despois con adaptacións para NES, Commodore 64 e outros equipos da época.
Ao parecer, Falls tiña superado a marca anterior (nuns 1,2 millóns de puntos) en numerosas ocasións, pero decidiu agardar ata conseguir chegar a un nivel moito máis alto, o que acadou finalmente. Esta puntuación foi verificada oficialmente, e aínda que o xogo ten unha dificultade bastante elevada, Falls recoñece que non é tan difícil como outros clásicos como Donkey Kong, Frogger ou Moon Patrol, polo feito de que o xogo de Popeye ten uns patróns fixos, mentres que os outros títulos teñen elementos aleatorios que fan moi complicado superar as actuais marcas.
O que resulta evidente con estas fazañas é que os videoxogos de comezos dos anos 80, pese a estar moi superados tecnicamente, continúan a ter unhas mecánicas de xogo moi efectivas, que fan que sexa posible xogar a eles 30 anos despois e gozar coa experiencia, algo que non se pode dicir da meirande parte dos títulos dos últimos anos.


Así é o clásico xogo de Popeye de 1982

PUBLICIDADE