Retegal e Abertis asinan un acordo para levar os espazos dixitais de TVE ó 98% da poboación galega

xoves, 26 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Partindo da base de que hai diferentes tipos de acordos, o que veñen de asinar Retegal e Abertis Telecom é –segundo ámbalas partes– máis ca nunca acordo de colaboración e traballo conxunto no sentido máis estrito da expresión.
Este convenio, que a xuízo dos dous participantes ten unha envergadura e unha ambición nunca antes vistos en Galicia, vai encamiñado a levar a cabo unha tarefa que pola súa propia natureza precisa de moita e boa colaboración: o despregue da infraestrutura que leve os programas dixitais de Televisión Española ó 98% da poboación da nosa terra en 2010.
Con este fin, e co de evitar que Galicia polas súas características orográficas e poboacionais en desvantaxe co resto das comunidades, estableceuse un proxecto concreto a desenvolver nun prazo de dez anos.
A iniciativa constará de dúas fases, a primeira das cales ficará activa até 2009 sendo o seu obxectivo levar o sinal da televisión dixital até o 93% da poboación. A segunda cubriría até 2016, e a finalidade é a de chegar ó 98% dos núcleos no que se refire ó sinal da Televisión Española.
Segundo Retegal e Abertis, estaríamos ante un claro exemplo de acordo estratéxico, beneficioso para ámbalas dúas partes e, sobre todo, para a sociedade galega. “É obvio que unha empresa pequena e de ámbito comunitario como Retegal só pode medrar e ser competitiva a través de acordos con empresas como Abertis Telecom, que conta xa con 3.000 emprazamentos en todo o territorio español”, dixo este xoves Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación, quen acudiu ó Club Internacional de Prensa de Santiago –en representación de Retegal– co fin de dar a coñecer o convenio ós medios informativos. No que respecta á dita finalidade social do acordo, Salgado fixo fincapé na complicada tarefa de levar a TDT ós currunchos máis recónditos de Galicia, que ten no complicado da súa orografía (tanto na costa como no interior) e na dispersión dos seus habitantes algunhas das súas principais características demográficas, polo que require máis infraestrutura (e nova) ca calquera outra parte do Estado.
En representación de Abertis concorreu –entre outros– Tobías Martínez, director da firma, quen cualificou a iniciativa de “proxecto que vai alén do puramente técnico”, xa que (dixo) achega valor de xeito conxunto “a Galicia e á súa sociedade”. E engadiu: “Hai unha gran complementariedade entre as infraestruturas que achegará Retegal e as que achegaremos nós. E, se o pensamos ben, non sería unha irresponsabilidade facer actuacións por separado puidendo poñer en común o que xa temos feito as dúas empresas?”.
O acordo entre Retegal e Abertis, ademais, levará consigo actuacións de tipo complementario. Por exemplo: facilitar as condicións de infraestrutura e de servizos para facilitar a entrada en xogo de entidades privadas que consideren razoable estar en Galicia cun nivel de cobertura de TDT equiparable ó de calquera outro curruncho do Estado.
Cómpre sinalar que Retegal (que é a empresa pública encargada de levar o sinal da TVG), para que os medios presentes se fixeran unha idea do complicado da tarefa, relembrou o número de centros emisores e receptores que ten espallados polo territorio galego co fin de conseguir a meirande cobertura: 140. Ao devandito convenio con Abertis, Retegal acode cunha serie de centros de Televisión Dixital Terrestre que cubren preto do 90% da poboación (a previsión é de contar con 47 antes de que remate o ano). Estes centros uniranse agora ós que forneza Abertis e ós que se teñan que habilitar de xeito conxunto para cumprir co obxectivo de chegar á porcentaxe do 98%.

PUBLICIDADE