Rematan o desenvolvemento de Mass Effect 3

luns, 13 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

O primeiro trimestre do ano para Electronic Arts parece que vai estar marcado polo lanzamento do xogo Mass Effect 3, do que o seu produtor executivo, Casey Hudson, vén de informar a través de Twitter do remate do seu desenvolvemento, polo que poderá cumprir coa súa data de lanzamento, ou sexa, que o vindeiro 9 de marzo poderemos velo nas tendas nas súas versións para PC, Xbox 360 e PlayStation 3.
Os máis impacientes terán este mesmo martes a versión de demostración do xogo dispoñible en Xbox Live, tendo que agardar un día máis para a versión de demostración para a consola doméstica de Sony.
Este xogo que pon a guinda á que podería ser a triloxía orixinal máis relevante da actual xeración de consolas de videoxogos, e dentro das súas posibilidades, incluso permite definir o sexo do seu protagonista (o/a Comandante Shepard), de aí que de cara ao seu lanzamento a xente de BioWare decidise estrear un trailer coa versión feminina do personaxe:

No xogo podemos decidir o sexo do/a Comandante Shepard, demostrando a flexibilidade da súa historia (especialmente no seu modo de xogo máis roleiro).

PUBLICIDADE