Remata o proceso de liberación do Dividendo Dixital

martes, 31 de marzo do 2015 Redacción

Hoxe remata finalmente a liberación do Dividendo Dixital en España, ou sexa o despexe da banda de 800 MHz, até agora ocupada polas canles de televisión de TDT, para que estea dispoñíbel para o despregamento da cuarta xeración de telefonía móbil. A dita liberación, inserida nun proceso que atinxe a toda Europa, estase a desenvolver “de xeito satisfactorio”, en palabras do Goberno. Os labores técnicos de apagado das antigas frecuencias de televisión na banda dos 800 MHz comezaron a madrugada pasada e completaranse ao longo do día de hoxe.
Isto significa que as cadeas emiten dende xa polas novas frecuencias asignadas, unicamente, polo que os cidadáns terán que facer un reaxuste nos receptores ou televisores-receptores para poder gozar delas. “No caso de que sigan sen recuperalas”, engádese, “terán que chamar a un instalador rexistrado para que adapte a antena colectiva da súa vivenda”.
Como dixemos, coa liberación dáse cumprimento ao mandato europeo de ceibar a banda de 800 MHz para a tecnoloxía móbil 4G. Isto ten a súa raizame nunha decisión concreta do Parlamento Europeo e do Consello, que estipulou que se destinase o 20% das frecuencias arestora utilizadas polo servizo de televisión para acubillar redes de telefonía móbil 4G en todos os países comunitarios. Segundo informa hoxe o Goberno español, “a liberación do Dividendo Dixital suporá importantes beneficios económicos e sociais para a cidadanía, xa que a tecnoloxía 4G sobre a banda de 800 MHz implica un incremento dos servizos de datos móbiles de alta velocidade cun mellor servizo nos interiores dos edificios e unha maior cobertura xeográfica que reducirá a fenda dixital”. Segundo o Executivo, o mellor aproveitamento das frecuencias favorece a chegada de novas canles de televisión, e a emisión nas mesmas de contidos en Alta Definición.
No que atinxe aos cidadáns e ao que deben facer para adaptarse á nova situación, o Goberno advírtelles que se deixan de ver algunha canle, deberán resintonizar o seu televisor co mando a distancia. E engádese: “Se unha vez realizada esta operación advirten a perda dalgún das canles, será preciso chamar a un instalador rexistrado para que adapte a súa antena colectiva”. Unha vez realizada a adaptación, recuperaranse todas as canles.
A Administración lembra tamén que o pasado 26 de outubro trasladáronse todas as canles ás frecuencias definitivas e as operadoras de televisión habilitaron emisións en simulcast (emisión pola frecuencia antiga e a nova) para facilitar aos cidadáns a adaptación das antenas colectivas. Porén, dende esta pasada madrugada remataron as emisións en simulcast e só emitirase polas frecuencias definitivas.
Os cambios por zona xeográfica pódense consultar introducindo o código postal na WEB www.televisiondigital.es. Tamén podemos seguir consultando dúbidas a través da dita páxina web e nos teléfonos: 901 20 10 04 /911 19 99 86 (que ficarán operativos os días festivos de Semana Santa).

PUBLICIDADE