Regresa en marzo o curso de Vitae sobre habilitades de comunicación para equipos TI

mércores, 31 de xaneiro do 2024 S. P.

Vitae Consultores vai organizar en marzo a terceira edición dunha actividade formativa que nos axuda a mellorar o día a día do noso equipo profesional e da nosa empresa e, tamén, a nosa relación con outras empresas, clientes ou provedores. Trátase do curso Habilidades de Comunicación para Equipos TI, que chega á súa terceira edición os días 4, 6 e 8 de marzo de 2024, da man da prestixiosa formadora Josefina Alonso Nocelo. Porase o foco na comunicación como “ferramenta clave” para a xestión de proxectos de Tecnoloxía da Información e a Comunicación (TIC).
A comunicación, de feito, axuda á colaboración, á coordinación e ao intercambio de información dentro do equipo, contribuíndo tamén, en palabras da consultora galega, a “manter a todos os involucrados aliñados, xestionar as expectativas, abordar problemas e cambios, e manter ás partes interesadas informadas sobre o progreso do proxecto”.
En última instancia, engade Vitae repasando as razóns de ser desta actividade formativa fixada para o mes de marzo, “unha comunicación sólida e clara mellora as posibilidades de éxito do proxecto e contribúe á satisfacción dos clientes e usuarios finais”.
Co obxectivo de salvar os escollos que pode atopar a introdución na empresa de melloras comunicacionais, neste curso desenvolveranse competencias e habilidades en base a un cambio nos esquemas mentais e de conduta da persoa, combinándose aspectos teóricos con exercicios e dinámicas que permitan comprender e interiorizar os conceptos e producir a devandita adaptación ao novo contexto de diálogo, comprensión, empatía e colaboración.
Obxectivos do curso
-Propiciar un cambio de mentalidade e da conduta para desenvolver as habilidades de comunicación.
-Achegarnos habilidades para desenvolvernos con máis facilidade en situacións onde a comunicación sexa importante.
-Axudar a evitar e suavizar situacións que actualmente producen tensión nas partes implicadas.
-Desenvolver as competencias e habilidades de comunicación e de relación nos equipos e profesionais TI.
-Obter fluidez e eficiencia na comunicación con clientes internos e externos.
-Conseguir profesionais cos que sexa máis sinxelo comunicarse e entenderse.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE