Redondela, A Coruña e Pontevedra, na cabeza do ranking galego de concellos transparentes nas TIC

martes, 28 de xullo do 2020 S. P.

A plataforma Dyntra, que traballa na medición e xestión da información pública de diferentes institucións e organismos, actualizou os días pasados o seu informe sobre transparencia nos concellos, un informe que se presenta por Comunidades co fin de facernos ver as diferentes estratexias autonómicas a prol de empregar as novas tecnoloxías en clave participativa, implicadora e próxima aos cidadáns. Neste senso, Galicia no seu conxunto acada unha taxa do 30,7%, o que nos sitúa por diante de Cantabria, Canarias e Navarra, pero por detrás de todas as demais.
O informe, que pon o punto de mira nos espazos virtuais dos concellos, salienta o labor de Redondela (cunha porcentaxe de transparencia do 75,31%), A Coruña (61,3%), Pontevedra (59,88), Ames (58,02%), Vigo (51,85%), Ourense (51,85), Lugo (50%), Ferrol (48,77), Poio (47,53), Vilagarcía de Arousa (43,83) e Lalín (43,83), nesta orde, en materia de transparencia.
O documento elaborado por Dyntra ten en conta cuestións como a transparencia no apartado económico e de financiamento das sedes electrónicas dos concellos, a accesibilidade ou a posta en marcha de servizos telemáticos avanzados ao servizo da cidadanía.

PUBLICIDADE