Recta final dos Premios 20Blogs, que contarán coa presenza galega de Cinema Friki e 7 minutos antes de la medianoche

venres, 4 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Os Premios 20Blogs chegan á recta final da súa segunda edición. É dicir: achégase o intre en que se nos dean a coñecer por fin os nomes dos vencedores e das súas criaturas web: concretamente, o xoves 10. Estes galardóns, sen dúbida dos que máis expectación están a xerar dende o estado español no eido da Web 2.0 e da súa columna vertebral, os blogs; recibiron este ano 2.000 candidaturas, sometidas estes días pasados a un proceso de peneirado en liña no que participaron bloggers de todo o país.
O caso é que entre os finalistas hai presenza galega, concretamente no apartado Outras linguas constitucionais, onde atopamos os cadernos 7 minutos antes de la medianoche (de Andrés Milleiro) e Cinema Friki, un blog do que xa temos falado en ocasións anteriores.
Os dous espazos galegos competirán para os premios na devandita categoría co Bloc de Marc Vidal, mantido dende Cataluña. Por certo que, como xa dixemos, os nomes dos gañadores serán dados a coñecer o vindeiro xoves, na festa dos bloggers en Madrid, en Négone, na rúa Capitán Haya, a partir das 19 horas. Segundo informa a organización, todos os concursantes están convidados (haberá acceso sen fíos, ciber, comida, bebida e música).

PUBLICIDADE