Recorren a Kickstarter para converter o xogo Dragon’s Lair nun filme

martes, 27 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Hai máis de trinta anos causara furor nos salóns recreativos o xogo Dragon’s Lair, por ser un especie de película de animación en LaserDisc que o usuario podía controlar en certos momentos chave, achegando unha calidade gráfica inédita nos videoxogos do momento, e converténdose nun título de culto que rematou adaptándose a Blu-ray, PC, PSP, Wii, Nintendo DS, Xbox 360, PS3 e dispositivos móbiles. Conscientes da pegada deixada por este título, os seus creadores, Don Bluth e Gary Goldman, decidiron volver a xuntarse para recuperar esta obra pero, en vez de darlle forma de videoxogo, consideraron máis atinado convertelo nunha película para a grande pantalla.
Pero recuperar a historia do cabaleiro Dirk ao rescate de Daphne non é algo doado, e os éxitos de Don Bluth no mundo da animación con producións como Anastasia, Titán AE ou Todos los perros van al cielo non parecen ser suficientes como para que os estudios de animación se animen a retomar unha franquía nacida en 1983, de aí que recorran a Kickstarter para buscar financiamento, tendo marcado como meta 550.000 dólares (498 mil euros) o que parece unha cantidade ridícula tendo en conta que as películas de animación actuais teñen orzamentos de entre 55 e 240 millóns de dólares, pero esta cantidade non iría directamente a financiar a produción, senón que serviría como sondaxe do interese do público e facilitaría que Don Bluth Films puidese dar os primeiros pasos mentres consegue o apoio de estudios, investidores privados e fondos de investimento para conseguir que a produción poida chegar a ser unha realidade.
Deste xeito temos que en Kickstarter non se ofrece a compra anticipada do filme, senón que a campaña de financiamento recompensará aos seus mecenas con copias dixitais do videoxogo orixinal, acceso a material sobre a produción da película de animación, elementos de mercadotecnia (camisetas, pósters, o Blu-ray co xogo, un libro de ilustracións, pins...), cursos presenciais, en liña e DVD impartidos por Don Bluth e incluso a posibilidade de que o mecenas apareza caricaturizado como personaxe secundario (sen diálogos) no material que prepararán para presentar o filme de cara á captación de financiamento. Unha interesante iniciativa que demostra que os videoxogos clásicos poden recuperar de xeitos diferentes ao que serían os remakes e as remasterizacións en alta definición.

PUBLICIDADE