Recoñecemento a Microsoft polo seu labor a prol do plurilingüísmo

mércores, 25 de febreiro do 2009 Raquel Noya

O Círculo de Bellas Artes de Madrid vén de dar acollida, este mesmo mediodía, a un acto no que os gobernos galego, catalán, vasco e balear lle entregaron a Microsoft o premio á Promoción da realidade plurilingüe do Estado Español polo seu labor de recoñecemento e promoción da diversidade lingüística de España.
O xurado escollido para outorgar o distinguido galardón, valorou a “achega clave” de Microsoft, así como o “importante esforzo de investimento para adaptar os seus novos produtos de software ás distintas línguas”, entre elas o galego.
A secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López, que acudiu en representación do executivo galego, destacou "o compromiso e a responsabilidade social" da compañía, que sinalou como "un caso exemplar de compromiso coas linguas de España".
O devandito Premio á promoción da realidade plurilingüe é unha distinción honorífica, sen contido económico, que se outorgará anualmente e que na súa primeira edición lle correspondeu á empresa Microsoft, galardoada “polo seu esforzo de conxugar a diversidade lingüística coas novas tecnoloxías”.
Na actualidade, o sistema operativo Windows e o paquete ofimático Office, ámbalas dúas ferramentas desenvolvidas por Microsoft, contan con interfaces en galego, catalán e vasco, tanto nas súas versións anteriores como nas actuais, Vista e Office 2007.
A entrega do premio tivo lugar ás 12:30 horas e a ela asistiron, entre outras personalidades, a presidenta de Microsoft Ibérica, María Garaña, así como os máximos representantes da política lingüística dos catro gobernos.

PUBLICIDADE