Raiceiros e Antonio Reigosa presentarán este venres dende Zoom o caderno Ulla oralmente

mércores, 24 de marzo do 2021 S. P.

A Asociación Raiceiros, creada en 2001 en San Miguel de Sarandón (Vedra) para dinamizar socioculturamente a comarca da Ulla, realizará este venres 26 de marzo ás 20.00 horas a presentación virtual do caderno Ulla oralmente, que recolle adiviñas, cántigas, contos, lendas, historias antigas, xogos falados, ditos e refráns da contorna de concellos coruñeses e pontevedreses bañados polo dito río. Para tal acontecemento, o colectivo Raiceiros contará coa presenza dun dos grandes representantes da divulgación online galega: Antonio Reigosa Carreira, investigador da cultura popular galega e coordinador do portal Galicia Encantada. A presentación poderá seguirse en streaming a través de Zoom.
O caderno en cuestión é de formato semellante ao do proxecto desenvolvido en 2019, Ulla naturalmente, sobre a fauna e flora do río Ulla, e como nese caso haberá unha edición en papel que se entregará nos obradoiros a desenvolver cando sexa posíbel nos centros de ensino e unha edición dixital en PDF.

PUBLICIDADE