R leva a súa fibra avanzada a 300 novos inmóbeis de Mos

xoves, 27 de xaneiro do 2022 S. P.

R compartiu detalles sobre a implantación de fibra óptica óptica avanzada que está a desenvolver no concello de Mos (un proceso que se estende neste intre ás catro provincias galegas). Segundo fixo saber a operadora de orixe galega, preto de 300 novos inmóbeis dos núcleos de Espaín, Bosende, Sobrado e Cotiño, no dito concello pontevedrés, xa poden dispor de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 10 GB simétricos e “gozar dos servizos máis avanzados de telecomunicacións do mercado”.
En concreto, quedaron conectados 78 fogares e negocios en Espaín, 58 en Sobrado, 78 en Bosende e 85 en Cotiño, respectivamente.
O operador galego lembra que estes traballos completan as tarefas recentes de despregadura nos núcleos de Atín, Casal, Campo de Eiro, Rebullón, Gándara e Balteiro, onde se conectaron ás redes avanzadas de R varios centos de vivendas e empresas deste concello da ría de Vigo.
Deste xeito, cando rematen os equipamentos enmarcados no vixente Plan Avanza en que R traballa, 2.850 fogares e negocios xa se terán unido á súa nova rede de fibra no concello de Mos, pois aos inmóbeis incorporados no contexto do plan do Ministerio haberá que lles sumar os conectados a través doutras accións de desenvolvemento de rede que a compañía de telecomunicacións realiza na contorna dende hai anos.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispoñían de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento do tres plans investirase un total de 10M€, dos cales case 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras de Mos enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196 núcleos de concellos do suroeste de Galicia (Pontevedra). Os traballos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€.

PUBLICIDADE