R fai balance do seu mes e medio de actividades tecnolóxicas e solidarias contra os efectos da COVID-19

mércores, 29 de abril do 2020 S. P.

A operadora galega R lanzou este mércores un novo parte informativo sobre as iniciativas solidarias e tecnolóxicas (ou directamente solidario-tecnolóxicas) que está a desenvolver dende o comezo da crise sanitaria da COVID-19, hai xa un mes e medio. O parte, ateigado de datos de interese, resúmese nunha mensaxe xenérica da compañía: o seu compromiso para “garantir as comunicacións e colaborar con iniciativas sociais para eliminar barreiras de conectividade”. Trátase dunha declaración de intencións directa contra o posíbel agrandamento da fenda dixital que afecta a quen non pode teleformarse ou teletraballar.
Este compromiso de R materialízase nunha atención “solidaria” ás peticións e necesidades da contorna social, baixo o lema Tecnoloxía por e para as persoas. Neste senso, subministrou 200 tarxetas SIM e 300 conexións de balde a Wificlientes R para alumnado de familias en risco, unha iniciativa de colaboración coa Consellería de Educación e AMTEGA.
Tamén abriu o seu servizo de televisión en liña TVComigo (que foi activado por 1.000 pacientes nun prazo de 15 días) ás persoas que teñen que estar nos hospitais (clientes de R ou non) e forneceu de canles infantís e de cinema aberto aos seus clientes, amais de dotalos dun bono de datos gratuíto de 30 GB. A todo isto cómpre engadir outro completo feixe de iniciativas:
· Envío de mensaxes vía correo electrónico aos clientes con consellos sobre o uso dos seus servizos e recomendacións de uso racional e responsábel da rede para lle ofrecer experiencias de calidade.
· Adaptación á nova situación dos contidos de todas as redes sociais de R e blog para poder escoitar as principais inquietudes dos clientes e adecuar os servizos e conectividade a cada momento.
· Reforzo das plataformas de atención ao cliente residencial e o soporte técnico a empresas para “dar resposta ás necesidades de teletraballo das súas empregadas e empregados”.
· Creación dun sitio específico na web de R para manter informados a todos os/as usuarios/as con novas, consellos e formas de contacto ante calquera dúbida: R.gal/euquedonacasa.
· No ámbito de atención a empresas clientes fortaleceuse e dimensionouse a rede para lles garantir ás compañías a continuidade do servizo ante o incremento de teletraballo. Tamén se habilitaron en tempo récord accesos VPN, solucións cloud, etc.
· Habilitouse unha plataforma de formación online gratuíta durante este período para os clientes de empresa mediante campañas quincenais orientadas á mellora do teletraballo con contidos como ciberseguridade, equipos, motivación, etc.

PUBLICIDADE