R e Casa de Tolos presentan en Culturgal a nova canle de música Tolemias

xoves, 29 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Un recanto dos estudos de gravación A Casa de Tolos

O operador R e o estudo de gravación Casa de Tolos participarán na edición 2012 de Culturgal, que abre as súas portas esta fin de semana, dando a coñecer en todo detalle (orixes, obxectivos e a quen vai dirixida) a nova canle de música que van pór en marcha de xeito conxunto: a canle Tolemias. A presentación na feira pontevedresa da nova aposta audiovisual galega acompañarase, ademais, da proxección dun tráiler no que se dará conta dos contidos da nova canle, un vieiro de acceso, a través do servizo de vídeo baixo demanda de R, “a unha escolma de concertos gravados ao longo e ancho da nosa xeografía baixo o denominador común do directo”, informan dende A Casa de Tolos.
O acto desenvolverase na primeira xornada da feira Culturgal, venres, no Pazo de Congresos de Pontevedra, a partir das 12:30 h. Segundo se nos conta de Música ao Vivo, a nova canle tamén vai achegar unha xanela aos mellores concertos rexistrados no norte de Portugal, gravados coa unidade móbil do estudo de gravación que dirixe Segundo Grandío. A canle é de balde e poderase ver baixo demanda (VOD) na plataforma televisiva.

PUBLICIDADE