Qbitia presenta os seus produtos innovadores na Casa da Luz de Pontevedra

luns, 25 de xaneiro do 2016 Redacción

A empresa galega Qbitia, da que falamos en Código Cero para dar conta (entre outras cousas) dos moitos recoñecementos que atesoura no seu haber (por exemplo ter sido finalista na sétima edición dos premios The Technical Analyst Awards, ou ter sido obxecto do Premio Emprendedor XXI de La Caixa en 2013), fixo os días pasados unha presentación en Pontevedra da súa actividade e dos seus produtos innovadores presentes e futuros, entre os que se conta unha solución de software xa dispoñíbel que permite facer seguimento e control de estratexias de investimento e cobertura de mercados. A cita de Qbitia Solutions con profesionais, estudantes e cidadanía en xeral desenvolveuse na Casa da Luz ao abeiro do programa Pontevedra ten un Puntazo. O relator foi Luis Taboada, socio fundador e director executivo da firma, amais de presidente de Infomercados.com. Foi presentado por Alberto Oubiña, concelleiro de Novas Tecnoloxías.
Segundo fixo saber Taboada, a súa start-up naceu en 2011, cando catro compañeiros da Facultade de Física de Santiago de Compostela decidiron “pór na práctica unha idea e transformala nunha empresa”. En catro anos, explicou, a firma pasou de estar emprazada no salón da casa dun dos seus fundadores a ser unha empresa con 22 traballadores e cunha oficina de representación en Londres. “Hoxe”, dixo, “a empresa traballa coas principais Bolsas do mundo como Madrid, Londres, Nova York ou Chicago e até o de agora ten logrado acadar ata 1,5 millóns de euros de financiamento dos principais fondos nacionais e internacionais”.
O produto estrela da compañía, relatou o seu CEO, non é outro que Qcaid, “unha plataforma que permite o deseño, análise e execución automatizada de estratexias de investimento de maneira centralizada, en tempo real e sen coñecementos de programación”. Foi seleccionado en 2014 entre os catro produtos máis innovadores do mundo para mercados de divisas no London Forex Magnates e, en 2015, foi finalista nos devanditos premios The Technical Analyst Awards celebrados en Londres como a mellor plataforma de investimento nos mercados financeiros a nivel mundial.
Os obxectivos de futuro da compañía pontevedresa pasan por “seguir espallándose por Europa e América e acceder aos mercados máis importantes de Asia e América Latina”.
Pontevedra ten un Puntazo é un programa da Concellería de Promoción Económica e da Cidade e da Concellería de Cultura para a conexión e posta en valor e promoción das empresas locais que traballan no eido da cultura, da creación e da innovación.

PUBLICIDADE