Publican a listaxe de xogos de Xbox 360 que poderán xogarse en Xbox One a partires desta semana

luns, 9 de novembro do 2015 Marcus Fernández

O anuncio durante a pasada edición do E3 de que a Xbox One sería compatible cos vellos xogos de Xbox 360 foi un anuncio totalmente inesperado e abraiante, por facer realidade algo que parecía imposible. Pero esta retrocompatibilidade non pode ser absoluta e inmediata, xa que Microsoft ten que adaptar os vellos xogos para a súa última consola un a un, conseguindo á vez a autorización para facer tal dos seus editores, de aí que esta nova funcionalidade comece cun número limitado de xogos (104) que irase ampliando paulatinamente.
A Nova Experiencia Xbox One botará a andar o vindeiro día 12, e será a que abra a porta á retrocompatibilidade, anunciándose hoxe mesmo a listaxe completa de xogos que veranse beneficiados desta nova prestación, na que figura a saga completa de Gears of War e xogos como Assassin’s Creed II, Fallout 3, Borderlands, e Castle Crashers, deixando moitos outros grandes títulos no caixón.
A segunda vaga de títulos retrocompatibles chegará en decembro, e dende Microsoft xa confirman que están a preparar a chegada de xogos como Halo Reach, Halo Wars, Call of Duty: Black Ops, Bioshock, Bioshock 2, Bioshock Infinite e Skate 3.
Como anticipo á chegada da retrocompatibilidade á Xbox One tiveron a ben publicar un vídeo no que LArry Hryb e Bill Stillwell explican como funcionará esta nova funcionalidade:

PUBLICIDADE