Proxectada en Madrid a peza audiovisual Capacitados

martes, 27 de xullo do 2010 Raquel Noya

No marco das actividades que integra o programa para o emprego das persoas con discapacidade Por Talento, creado pola Fundación ONCE, en colaboración con Microsoft, Coca Cola e o restaurante El Bulli, acaba de proxectarse en Madrid o documental Capacitados, no que o cociñeiro Ferran Adriá, o presidente de Coca Cola Iberia, Marcos de Quinto, e María Garaña, presidenta de Microsoft Ibérica, métense na pel dunha persoa xorda, outra cega e outra en cadeira de rodas durante unha xornada laboral.
Durante o acto, do que xa falamos noutra ocasión neste medio, tamén se emitiron as testemuñas de destacados líderes de opinión acerca do documental, que por certo, foi rodado en Madrid e Rosas (Girona) e realizado pola axencia de publicidade Shackleton.
Na peza audiovisual, que se pode ver na páxina web oficial, os tres directivos enfróntanse durante un día ás súas tarefas profesionais habituais como se tiveran unha discapacidade. Para iso contan co asesoramento de catro persoas con discapacidade que os acompañan durante toda a xornada. Así, Ferrán Adriá cociña cuns inhibidores de son que lle impiden escoitar aos seus colaboradores; María Garaña vai traballar nunha cadeira de rodas, e Marcos de Quinto afronta a súa actividade profesional con uns anteollos opacos que non lle permiten ver.
O obxectivo do Programa Por Talento é incrementar a empregabilidade e a inclusión laboral das persoas con discapacidade e nel danse resposta a moitas das preguntas que nos formulamos en relación aos atrancos que este colectivo atopa noseu día a día.

PUBLICIDADE