Profesionais da comunicación de Europa e América analizarán en Compostela o futuro do sector

xoves, 4 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Alex Grijelmo, presidente da Axencia EFE

Enxergar o futuro do sector empresarial da comunicación unha tarefa complicada até para os máis especializados en prognósticos tecnolóxicos. Con todo, hai unha clave que está fóra de toda dúbida e que semella o mellor punto de partida posible para calquera estudo: a comunicación vai ir ligada ás redes coma a propia linguaxe ás palabras. Botar luz sobre o que se nos vén enriba en materia informativa é o gran obxectivo duns encontros preparados para os vindeiros meses en Santiago, concretamente entre o 23 de outubro e o 4 de decembro na sede da Fundación Caixa Galicia na rúa do Vilar.
As xornadas, que veñen acompañadas dun elocuente subtítulo, O futuro da industria da Comunicación, están organizadas polo Club Internacional de Prensa e, polo que se pode albiscar no seu programa, van encamiñadas a avaliar sobre todo dous espazos comunicativos ben concretos: o europeo e o latinoamericano.
Asemade, serán de balde e estarán abertas á participación de estudantes e profesionais en xeral do contorno comunicativo (directa ou indirectamente relacionados co mesmo). Por certo que o prazo para formalizar a inscrición xa está aberto, e pódese facer por correo electrónico.
Segundo sinala o Club de Prensa, os encontros contarán con profesionais de renome internacional no eido da información, entre os que se contan –dende a beira europea- Alex Grijelmo, presidente de EFE, ou Joâo de Almeida Santos, asesor político do primeiro ministro de Portugal. Pero hai máis:
· Carlos Jiménez, enxeñeiro superior de Telecomunicacións, presidente de Secuware
· Amalia Schirru, deputada polo Partido Democrático en Italia.
· Eduardo Medinaveitia, director xeral técnico de Zénith Media.
· Carlos Fernández Esteban, enxeñeiro industrial e máster en Investigación Operativa.
· Jesús Timoteo, catedrático de Xornalismo e Comunicación na Universidade Complutense de Madrid e profesor emérito de Comunicación no Instituto Politécnico de Lisboa.
O outro punto de vista: América Latina
Participarán tamén distintos responsables de medios de comunicación e expertos en e de América Latina: Brasil, con Paulo Nassar, profesor e doutor en Ciencias da Comunicación, e director xeral da Asociación Brasileira de Comunicación Empresarial; Colombia, con Sandra Fuentes, Directora da Especialización en Comunicación Organizacional da Pontificia Universidade Javeriana Bogotá; Cuba, con Salim Lamrani, francés, profesor, escritor e xornalista experto nas relacións de Cuba con EEUU; Venezuela, con Blanca Eekhout, presidenta fundadora da TV do estado ViVe; Bolivia, con Alex Contreras, xornalista, foi voceiro do goberno de Evo Morales; Arxentina, con Miguel Bonasso, xornalista e deputado na Honorable Cámara de Deputados de Arxentina polo Interbloque Diálogo por Buenos Aires; México, con Gabriela Warkentin, directora do Departamento de Comunicación da Universidade Iberoamericana (Cidade de México), e Colombia, con Sandra Fuentes, directora de Comunicación Organizacional de a Pontificia Universidade Javeriana Bogotá
O futuro da industria da comunicación en EEUU, será exposta por Javier Rivero Díaz, profesor e experto en interactive Media, Comunicación e Mercadotecnia en Internet, na Universidade California Los Ángeles -UCLA.

PUBLICIDADE