Prince of Persia volve a consolas e PC

venres, 19 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Os seareiros da franquía de xogos de Prince of Persia, teñen por fin nas súas mans unha nova entrega, The Lost Crown, coa que dan un interesante xiro ás mecánicas propias da saga, ao presentarse como un xogo de plataformas nos que xogar co espazo e o tempo dentro dunha ambientación inspirada na mitoloxía persa.
O xogo está repleto de atractivos escenarios que visitar, e onde enfrontarse a diversos inimigos, resolver quebracabezas, atopar tesouros agochados e completar misións dentro da vasta montaña de Qaf, na que teremos que liberar ao príncipe Ghassan.
O curioso deste título é que non procede das mecánicas de entregas anteriores, senón que chega do estudio Ubisoft Montpellier, encargado de Rayman Origins e Rayman Legends, dos que bebe moitos detalles este Prince of Persia: The Lost Crown. Loxicamente as mecánicas de combate deste xogo son totalmente orixinais, pero a experiencia do estudio nos xogos de plataformas válelles para crear unha experiencia moi satisfactoria nesta nova aventura, que coida especialmente as animacións, os efectos visuais e os fondos, de xeito que aínda que non esteamos ante un xogo de grande envergadura (como ben reflicte o seu prezo reducido), semella que atoparon unha base sólida sobre a que desenvolver máis entregas no futuro.
O novo xogo está dispoñible para PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X|S, Nintendo Switch, PC e Amazon Luna.

Tráiler de lanzamento do novo Prince of Persia

PUBLICIDADE