Preto do 97% dos veciños da comarca de Lugo gozan de cobertura de Internet de banda larga

mércores, 6 de marzo do 2013 Redacción

A aula móbil Roadshow Movistar Galicia atópase hoxe en Guntín, onde difunde das vantaxes que achegou á comarca de Lugo o Plan de Banda Larga da Administración galega, logro no que incidiu a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, na súa visita durante esta mañá, na que destacou que o 96,37% dos habitantes da zona gozan xa de cobertura de acceso á Rede de calidade, de xeito que 27.355 veciños puideron beneficiarse do despregamento das novas infraestruturas incluídas no citado plan.
En referencia aos 7 concellos que rodean a cidade de Lugo (Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei, Portomarín e Rábade) Arias comentou que “conseguiuse achegar unha cobertura de Internet de calidade a case 17.000 persoas máis deste concellos, multiplicando por 5 a porcentaxe de veciños que dispoñen deste servizo en relación á existente ao inicio do plan” que prevé completar a cobertura ata o 100% durante o presente ano grazas aos accesos vía satélite.
Se miramos o caso concreto de Guntín os resultados son aínda máis abraiantes, por pasar grazas ao Plan de Banda Larga dunha cobertura do 4,94% ao 96,59%, fito conseguido en tan só 3 anos.

PUBLICIDADE