Preséntase a 6ª edición de Audiovisual nas aulas, este ano con novidades tecnolóxicas

martes, 3 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria vén de presentar a sexta edición do seu programa Audiovisual nas aulas, un proxecto no que participan 40 centros de infantil, primaria e secundaria, e que ten por obxectivo achegarlle os medios audiovisuais ao alumnado galego para poñelos ao servizo da súa “reflexión, creación e imaxinación”.
Laura Sánchez Piñón, a conselleira de Educación, aproveitou o acto de presentación para apuntar que “os medios audiovisuais reflicten un novo xeito de ver e entender o mundo” e destacou a importancia do programa Audiovisual nas aulas como unha iniciativa “pioneira” que procura achegar a linguaxe de imaxes ao ensino de xeito ameno e efectivo.
Este programa, promovido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Comunicación e o Consorcio Audiovisual de Galicia, ten entre os seus fins dotar ao alumnado dunha alfabetización audiovisual básica, fomentar o espírito crítico ante o audiovisual, e achegar ao alumnado aos creadores e artífices do audiovisual galego. Desde o seu inicio, teñen participado no mesmo 265 centros de ensino de Galicia e 8.225 alumnos e alumnas.
Este ano, Audiovisual nas Aulas 2009 inclúe actividades xa realizadas en anos anteriores como Iniciación ao Audiovisual, Iniciación á Animación, Iniciación á Televisión e Iniciación ás Novas Tecnoloxías e inclúe, como novidade, a posta en marcha dunha nova fase do proxecto Dobraxe e Lingua.

Creación de páxinas web e dunha grella de programación
Na parte de novas tecnoloxías, e tamén como novidade, os alumnos levarán a cabo unha actividade que terá por obxecto ensinar o funcionamento das novas tecnoloxías a través da creación dunha páxina web. Así, os centros educativos terán un espazo nun dominio previamente rexistrado, onde os alumnos deberán construír a súa propia páxina web empregando todo tipo de soportes tecnolóxicos. A idea é aproveitar calquera medio útil dispoñible (teléfonos móbiles, cámaras dixitais, software libre...).
Pola súa banda, na fase de iniciación á televisión, os centros participantes gravarán entre todos unha grella de programación, na que se amosen varios xéneros televisivos. Deste xeito, cada centro de ensino realizará a gravación dun tipo de programa específico, para acadar así unha programación variada.

PUBLICIDADE