Preséntase O Apóstolo en pase privado cunha gran festa de música en directo

luns, 19 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

A Real Filharmonía de Galicia, presente na estrea do filme galego, nun concerto recente

Tal e como sinalamos os días pasados, o filme galego O Apóstolo vai camiño de rachar con tipo de canles de uso común no seu proceso de factura, tanto no que se refire ao seu xermolo e nacemento (no que participou un bo número de internautas, a xeito de produtores, achegando cartos para cubrir financiamento) como no que atinxe ao seu formato (trátase da primeira película europea que se apoia na tecnoloxía de stop-motion para a súa rodaxe). Por se isto fose pouco, a pasada fin de semana estreouse o filme en Santiago acompañado dunha cobertura musical de excepción: a que despregou a Real Filharmonía de Galicia interpretando a banda sonora da película, composta por Philip Glass, Xavi Font e Arturo Vaquero. A achega da Filharmonía, en pase privado para dar a coñecer a película ao equipo de rodaxe e a quen apoiou o proxecto (os medios terán que agardar un pouco máis de tempo), complementouse coa participación do Orfeón Caixa Galicia Terra A Nosa, baixo a batuta de David Hernando, director da Bratislava Symphony Orchestra.
Entre os asistentes a esta posta en longo privada de O Apóstolo, que ten a súa estrea prevista para o vindeiro festival fantástico de Sitges, atopábanse diversas autoridades, persoeiros do eido da cultura e actores galegos de primeira liña, algúns dos cales tiveron a oportunidade de poñer o seu gran de area no proxecto achegando a súa voz e máis a súa feitura. Na presentación tamén fixo acto de presenza Carlos Childe poñéndolle voz á canción da película, composta por Xavi Font.
Segundo sinalou Artefacto Producións, firma responsable do financiamento do filme, o concerto foi dunha “extrema dificultade técnica”, motivada en boa medida polo complexo de sincronizar diálogos, imaxe e interpretación coa música en directo.

PUBLICIDADE