Presentan a sexta edición de Mundos Dixitais

mércores, 13 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Esta mañá a Fundación Caixa Galicia na Coruña acolleu a presentación da sexta edición de Mundos Dixitais, que xuntará na cidade herculina algúns dos profesionais máis destacados do mundo da animación dixital, os videoxogos, os efectos especiais e o deseño tridimensional durante o mes de xullo.
No acto participaron Teresa Porto Pedrido, directora da Fundación Caixa Galicia, José María Barja Pérez, reitor da Universidade da Coruña, José M. Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual e Manuel Meijide Ferreiro, director do Festival, que anunciaron o que nos achegará o evento que converterá a Galicia a capital mundial da creación dixital do 3 ó 7 de xullo.
Fernández Iglesias destacou a importancia deste tipo de encontros para fornecer o sector audiovisual galego, mentres que o reitor da Universidade coruñesa centrou a súa atención no feito de que o Festival era un exemplo do que deu en chamar triple hélice (en referencia a que nace da colaboración entre a Empresa, a Universidade e a Administración).
Manuel Meijide, director de Mundos Dixitais 07Manuel Meijide, tras unha descrición das actividades habituais deste veterano encontro, deu a coñecer a incorporación da Arquitectura Dixital ó programa deste ano, así como destacou o servizo de vídeos na web MundosDigitales.tv que serve para promover a animación e os efectos especiais dixitais amosando os contidos que se xeren dende o propio Festival, así como algunha das mellores curtas de animación de estudos e artistas independentes.
Mundos Dixitais permitirá a contemplación das ferramentas de vangarda na edición e creación de todo tipo de imaxes virtuais e a asistencia a un completo programa de conferencias e talleres avanzados nos que tomarán parte profesionais de éxito tanto no mundo do cine coma no dos videoxogos.
Pasarán polo Festival os responsables de creación como a última película de Harry Potter, O Labirinto do Fauno ou Ratatuille (a vindeira estrea de Pixar) sen faltar os responsables das galegas Filmax e Dygra Films.
Ademais, este ano entre as actividades programadas se atopa o I Simposio de Informática Gráfica e Patrimonio Histórico (SIGPHI) que pretende dar cita a tódolos grupos de investigación, empresas e institucións que desenvolven a súa labor no ámbito da infografía aplicada á reconstrución virtual, o estudo, a catalogación, recreación e posta en valor do patrimonio histórico, artístico e cultural por medio de ferramentas gráficas dixitais.
Reproducimos a continuación a presentación de Mundos Dixitais 07:

PUBLICIDADE