Presentado no Campus de Ourense o Máster en Consultoría de Software Libre

martes, 24 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

O primeiro día das II Xornadas de Programación Web con Software Libre que organiza Ousli até o venres en Ourense (e das que falamos nesta mesma web) serviu entre outras cousas para acoller a presentación dunha actividade formativa innovadora, tanto a nivel galego como europeo. Falamos do Máster en Consultoría de Sofware Libre, un curso de alto nivel que comezará a impartirse no Campus de Ourense o vindeiro ano. O curso, que ía ser sobre consultoría informática pero rematou sendo sobre programación aberta como “elemento diferenciador” (dada a demanda de profesionais neste eido), é un título oficial da Universidade de Vigo e, como tal, inclúe prezos públicos de matrícula e cunha carga letiva de 60 créditos ECTS, o que constitúe un ano académico completo pero con natureza semipresencial.
A actividade, que foi presentada no marco das ditas xornadas por Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñería Informática, incluirá horas presenciais (os venres polo serán e sábados pola mañá) e outras a impartir vía Internet, con ferramentas axeitadas de aprendizaxe a distancia (e-learning). “O obxectivo é facilitarlle o acceso ao máster aos profesionais en activo e, ademais, non é preciso matricularse nos 60 créditos á vez” explicou Barreiro na presentación.
Amais, e malia que vai dirixido sobre todo Enxeñeiros Informáticos e Enxeñeiros Técnicos en Informática (co fin de incidir na vertente máis orientada ó eido empresarial e de negocio da titulación) ficará aberto (no caso de haber prazas baleiras) para outros titulados. Barreiro tamén tivo oportunidade de achegar a páxina web do posgrao para ampliar a información e animou a inscribirse aos presentes entre o 1 de xullo e o 14 de agosto.

PUBLICIDADE