Presentada a plataforma Toolbox para favorecer na nosa terra as empresas eco-innovadoras

martes, 16 de abril do 2013 Redacción

A Fundación Galicia Europa vén de presentar a web Toolbox, que é a faciana visíbel dun proxecto de servizos transnacionais nos ámbitos da eco-innovación (busca de novos servizos enerxéticos alternativos ou medidas de sustentabilidade a través das tecnoloxías) e do eco-emprendemento. A presentación, que correu a cargo de Jesús Gamallo (director de Relacións Exteriores e coa EU), celebrouse ante a presenza de representantes dos nosos diversos sectores empresariais ligados de maneira máis estreita aos devanditos ámbitos, interesados na procura de novos escenarios de actividade empresarial para os seus servizos e propostas de tipo ambiental.
O obxectivo do proxecto, segundo informa a plataforma Emprendia, é crear unha estrutura transnacional para promover a eco-innovación nas PEME e impulsar a creación de PEME eco-innovadoras no espazo atlántico. Esta plataforma enmárcase á súa vez na iniciativa Eco-Innova, que pretende acometer a creación de ecosistemas empresariais a través da innovación. Dende a web Toolbox, achegarase completa información sobre o proxecto e máis unha xanela aos servizos transnacionais e de fornecemento da eco-innovación.
Eco-innova é un Proxecto Europeo Transnacional no que participan seis institucións de catro países: Galicia (España), Norte de Portugal (Portugal), Aquitania (Francia) e Gales (Reino Unido).

PUBLICIDADE