Prepáranse as medidas técnicas para permitir o apagamento analóxico no contorno de Santiago de Compostela

venres, 21 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Fotografía de Isidro Cea do repetidor televisivo do Monte Pedroso

O apagamento analóxico nas zonas de Santiago de Compostela e Ourense Leste debería ter chegado hai uns meses, pero os problemas de cobertura da TDT nas zonas afectadas provocou un aprazamento da participación galega nesta experiencia, e agora, o novo Goberno da Xunta, como tiña anunciado, retoma o asunto para avanzar de cara á adaptación da nosa comunidade á televisión dixital terrestre, e segundo publica La Voz de Galicia, iniciáronse os trámites de contratación entre 1 e 3 empresas para supervisar o despregue técnico para que Santiago e os 43 consellos do seu contorno poidan adaptarse á TDT para que sexa viable o apagamento das emisións analóxicas.
As tarefas de control do subministro, instalación e posta en servizo dos equipos de difusión da cobertura da TDT adxudicaranse a mediados de setembro, nun proceso que vai con moito retraso, do que a Xunta culpa ao anterior Goberno autonómico que «non deixara fondos dispoñibles, nin planificación, nin consignación orzamentaria» segundo o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.

PUBLICIDADE