Preparan un sucesor espiritual do Sensible Soccer

luns, 16 de novembro do 2015 Marcus Fernández

A primeiros dos anos 90, moito antes de que naceran as franquías de FIFA e Pro Evolution Soccer, tiñan grande éxito xogos como Sensible Soccer, que nacera en Commodore Amiga e Atari ST, pero que logo pasara a PC e a outras plataformas, e aínda que a marca a podemos dar por desaparecida, o deseñador orixinal do xogo, Jon Hare, quere retomar o proxecto, e propón a creación dun sucesor espiritual do xogo que respondería ao nome de Sociable Soccer e tería versións para PC, Xbox One e PlayStation 4.
Para facer este soño posible busca conseguir 300.000 libras esterlinas (426.645 euros) en Kickstarter, meta que parece difícil de conseguir se atendemos que nos 5 primeiros días non chegou ao 10% da cantidade perseguida, dando a impresión de que o xogo non está a captar tanta atención como algúns poderían agardar, e posiblemente porque o público que podería estar interesado nun xogo deste tipo posiblemente o preferiría como un título para móbiles baixo a fórmula do free-to-play, e non como un xogo de ordenador/consola polo que pagar a cegas.
Jon Hare quere que Sociable Soccer sexa un xogo de fútbol cun estilo arcade (ou sexa, cunha xogabilidade directa, fuxindo da simulación) que permite botar partidas en liña, personalizar os avatares dos xogadores e poder organizar ligas baseadas en clans. Conceptualmente é unha idea interesante, pero nun momento no que incluso o Pro Evolution Soccer ten complicado vender copias ante o dominio do FIFA, parece complicado intentar lanzar un xogo de fútbol con elementos en liña que poida trunfar agora que os xogadores están afeitos a certos niveis de calidade.
A intención que teñen os responsables desta campaña de Kickstarter é lanzar o xogo de fútbol para decembro de 2016, descoñecéndose polo momento se a campaña de micromecenado é a única fonte de financiamento actual, ou se realmente é só complementaria, de xeito que aínda que a campaña fracasase o xogo podería ver igualmente a luz. En 25 días saberemos se realmente quedan nostálxicos dabondo para resucitar o Sensible Soccer.

PUBLICIDADE