Preparan un karaoke para PC con música galega
mércores, 1 de decembro do 2010
- O Galeoke presentouse oficialmente na pasada edición do Culturgal
Os xogos coma Lips e SingStar popularizaron o karaoke nos fogares a través das consolas
de videoxogos, o que levou á creación dunha aplicación de código aberto para PC
chamada UltraStar Deluxe que pretende democratizar este tipo de lecer
(levando a experiencia a máis dispositivos e permitindo ampliar o catálogo de
cancións dispoñibles), esforzo que aproveitan agora para crear o Galeoke, un xogo de karaoke para PC no
que podemos acumular puntos emulando aos nosos artistas galegos favoritos,
podendo xogar en modo individual ou competindo cos amigos nun modo festa.
O Galeoke busca encher un oco no mercado, xa que nas tendas de descargas
musicais das consolas de videoxogos a música galega é unha total ausente, e
grazas a esta iniciativa poderemos facernos cun tÃtulo que busca dar vida á música que levas dentro, comezando por
un primeiro volume con cancións orixinais de Os Resentidos, Fuxan os Ventos,
Malvela, Lamatumbá e Marful entre outros que sairá á venda o 21 de decembro nas tendas
de discos galegas e a través de Toupa.net.
Este xogo é compatible con Windows XP/Vista/7, Mac OS X e Linux, partindo de
configuracións bastante básicas, sendo a súa principal esixencia o contar cun micrófono
para poder pór voz ao catálogo musical do Galeoke.
Durante o Culturgal 2010 puido probarse o primeiro volume do Galeoke
- Na cuberta do xogo podemos ver a listaxe completa de cancións que incorpora o Galeoke no seu primeiro volume
- Un dos públicos obxectivos do Galeoke son os cativos