Premian a reserva da Dreamcast Collection cun disco de vinilo

mércores, 16 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

A forza do retro no mundo dos videoxogos consegue que moitas franquías non morran grazas a múltiples conversións a máquinas actuais de xeito que os seareiros de certos clásicos poidan gozalos sen ter que recorrer a emuladores, e nos vindeiros días chegará ás tendas un grande exemplo diso para a Xbox 360: o recompilatorio de xogos Dreamcast Collection. Pero este título que recupera vellos títulos da máis respectada consola de SEGA vai ser especialmente retro en Australia, pois a cadea de tendas JB Hi-Fi agasallará a quen reserve o xogo cun disco de vinilo que inclúe 3 temas de Crazy Taxi, 1 de Sonic Adventures, 1 de Space Channel Part 2 e outro de Bass Fishing, o que para moitos será un complemento ideal para a súa nostalxia.
Pero non só os australianos poderán gozar deste agasallo tan especial, senón que tamén estará dispoñible en Francia e España, aínda que non detallan a cadea de tendas de videoxogos que contarán con este produto de edición limitada.

PUBLICIDADE