PortalProgramas convoca aos internautas para darlle forma un exhaustivo informe sobre o software libre

venres, 4 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

O PortalProgramas.com, do que falamos o ano pasado para dar conta do seu apoio ao software libre, está a convocar estes días á comunidade internauta para participar nun estudo dirixido a pór de manifesto a visión que se ten en España das vantaxes deste tipo de programas libres. O estudo, chamado Valoración do software libre na sociedade (2011), apóiase nunha enquisa con diversas cuestións acerca da natureza e do potencial da programación aberta (que é?, por que se usa?, ten calidade?, é seguro?) dispoñíbel xa para participarmos nela. O informe, que será máis definitivo canta máis xente poña o seu gran de area, estará logo a total disposición da comunidade.
Por certo que para a súa elaboración e para ir conseguindo o meirande alcance, o portal conta este ano cun panel de expertos que colaboran dando a súa visión sobre temas clave actuais de software libre a nivel de usuario doméstico. Asemade, disporase dunha serie de axentes de apoio que contribúan á difusión da enquisa co obxectivo de acadar a meirande cantidade de participantes na enquisa.
A xuízo de Portalprogramas.com, o cuestionario e o informe resultante resultan máis necesarios ca nunca, xa que se conta con moita información de uso e satisfacción do software libre a nivel empresarial e gobernamental, pero non se ten apenas información a nivel de cidadáns. “O informe sacará á luz a realidade deste tipo de programas”, sinálase, “a visión dos usuarios, o seu nivel de satisfacción e os atrancos e obstáculos que lles atopan”.
Cos datos que se obteñan traballarase con maior coñecemento na mellora e solución de tódolos posíbeis problemas que aparezan, co que se estará tamén contribuíndo a unha meirande difusión dos programas libres entre a nosa sociedade. A metodoloxía a seguir, que aparece detallada nas bases do informe, sería a que citamos a continuación, en clave resumida:
· Para que a mostra sexa ampla e heteroxénea cóntase con ducias de medios de comunicación colaboradores.
· Para extraer as conclusións disponse da participación de Gather Studios, unha firma independente de análises estatísticas.

PUBLICIDADE