Poñen á venda unha edición limitada de Street Fighter II para a SNES orixinal

xoves, 31 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A franquía de Street Fighter celebra o seu ano o seu 30º aniversario, e dentro dos moitos produtos que están a saír da marca sorprende unha edición limitada do xogo Street Fighter II nun cartucho funcional de Super Nintendo do que venderán 4.500 unidades en cor vermello opaco (na honra da cinta do pelo de Ryu) e 1.000 unidades en verde translúcido fosforescente (homenaxeando ao loitador brasileiro Blanka) a un prezo de 100 dólares, o que pode resultar bastante absurdo se temos en conta que o xogo estará incluído na Super Nintendo mini que venderase dentro de menos dun mes (consola que será máis barata que este cartucho).
O cartucho acompáñase dunha caixa de cartón, manual de instrucións e algúns detalles máis, comezando a distribuírse a finais do mes de novembro, buscando claramente converterse nun agasallo de Nadal para incondicionais da franquía de loita de Capcom que aínda conserven unha consola Super Nintendo operativa.
En calquera caso a compañía que comercializa este orixinal cartucho quere deixar claro que estamos ante un produto de colección, que funciona en consolas NTSC (ou sexa, que non correría en consolas europeas) pero que non sería completamente seguro de empregar, xa que podería chegar a incendiarse, de aí que recomenden ter un extintor a man cando se xogue a esta versión de Street Fighter II nunha Super Nintendo orixinal.

O cartucho está pensado para o seu funcionamento en consolas Super Nintendo norteamericanas

PUBLICIDADE