Política lingüística premia o audiovisual galego xerado nas aulas

martes, 5 de outubro do 2010 Raquel Noya

Co principal obxectivo de fomentar a creatividade audiovisual dos mozos e mozas do noso país, ao tempo que se impulsa o uso do galego (que nunca está de máis, dito sexa de paso) a Secretaría Xeral de Política Lingüística, da man do seu máximo mandatario, Anxo Lorenzo, vén de facer entrega dos premios do certame OUFF Escola, no que colaborou dende o seu inicio para a promoción do galego no ámbito audiovisual.
Esta iniciativa, que se encadra como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, procura darlles formación aos mozos e mozas sobre o coñecemento e avaliación do audiovisual, e no noso país, en concreto, tentou darlle pulo ao uso da língua galega, ao tempo que se fomentaba a creatividade audiovisual e o traballo en equipo.
Ao mesmo tempo, o certame buscaba potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino, así como crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual realizado nas aulas
Anxo Lorenzo, durante a súa intervención na entrega de premios aos colexios gañadores, gabou “o importante labor de promoción do galego no ámbito audiovisual que se leva a cabo a través do OUFF Escola” e aclarou que “os obxectivos que persegue o OUFF Escola son centrais para ampliar a presenza do galego no audiovisual, unha sector consolidado para impulsar o uso do idioma”, afirmou o secretario.
Xunto con Anxo Lorenzo, tamén interviron na rolda de prensa a responsable de Cultura do Concello de Ourense e presidenta do Consorcio do Festival de Cine de Ourense, Isabel Pérez, e o director de programación do OUFF, César Silva. Así mesmo, estiveron presentes no acto o director do OUFF, Enrique Nicanor, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, entre outros.

Os centros premiados
Nesta segunda edición do Certame OUFF Escola participaron un total de 61 proxectos, fronte aos 34 do ano pasado. O mellor traballo na categoría de infantil e primaria foi Un camiño inesquecible, do CEIP A Igrexa – Calo, en Teo. O segundo premio foi para o CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos, polo traballo Quen é ese neno. O CEIP A Carballeira, de Lourizán, en Pontevedra, fíxose co terceiro premio desta categoría grazas a A maldición do Samaín, mentres que o Premio Blanco Amor ao mellor guión foi para Un propósito constante, do CEIP Carballedo, en Cotobade.
Na categoría do resto de niveis de ensino non universitario, o primeiro premio foi para o traballo Xemelgos, presentado polo IES Europa de Ponferrada. O IES Porto do Son fíxose co segundo premio grazas a Mar, mentres que o terceiro premio foi para Dairas, do IES Manuel García Barros da Estrada. Smóking pesadelo, do CPI Cabo da Area, en Laxe, foi galardoado co Premio Blanco Amor ao mellor guión.
Finalmente, o xurado propuxo dúas mencións especiais nesta última categoría. A primeira delas, polo valor documental, concedeulla ao filme Curros 1936, do IES de Barro, en Pontevedra. Recibiu tamén mención especial Sen saída, do IES Lauro Olmo, do Barco de Valdeorras.

PUBLICIDADE