Política Lingüística volverá premiar a mellor publicidade en galego na Internet

martes, 31 de xullo do 2018 Redacción

Onte presentouse en Santiago a 25 edición dos galardóns autonómicos que distinguen, visualizan e reivindican o talento das nosas e os nosos profesionais do eido da publicidade e a aposta do sector económico pola nosa lingua. Os XXV Premios de Publicidade en Galego foron dados a coñecer polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González, e máis o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices. Segundo fixeron saber incorporan unha categoría extraordinaria que recoñecerá proxectos elaborados por alumnado de centros educativos. O resto das modalidades son: radio, televisión, Internet e prensa escrita.
Estes premios recoñecen “accións publicitarias difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017”. O prazo de inscrición fica aberto até o 11 de outubro de 2018 e os galardóns entregaranse en novembro deste ano, coincidindo coa celebración da galeguidade empresarial e as bases e toda a información xa están dispoñíbeis no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal).
Nas categorías de radio, televisión, Internet e prensa escrita establécense dúas modalidades de premio: para a empresa anunciante e para a axencia de publicidade autora do anuncio. O premio extraordinario busca recoñecer os traballos realizados polo alumnado dos centros educativos especializados nalgunha das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade durante o curso 2017-2018.
Ata o ano 2016 os Premios de Publicidade en Galego viñan sendo convocados polo Consello Asesor de RTVE-G e da Corporación da RTVG, agora disolto. Desde 2017, son convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, coa colaboración do Parlamento de Galicia e do Foro Enrique Peinador.
Na pasada edición resultaron gañadores, na categoría de televisión, o traballo Imposible sen ti, da axencia Tex 45 Producións SLU, por encargo de ABANCA. O premio da categoría de radio foi para o anuncio Medo a quedar sen datos, da axencia Bap&Conde, para R. Na categoría Internet resultou galardoado A túa compra, os teus temazos, da axencia de mercadotecnia dixital Nasas, elaborado para GADISA. O xurado declarou deserto o premio á categoría de prensa escrita porque o traballo presentado non se axustaba ás bases da convocatoria.

PUBLICIDADE