Polémica por mor dunha antena Wi-Fi en Seixalbo (Ourense)

xoves, 18 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

O proxecto municipal Ourense wifi busca achegar o acceso á Rede aos cidadáns a través dunha conexión sen fíos e de balde, que na parroquia de Seixalbo está a causar preocupación posto que para esta infraestrutura de rede é precisa a instalación dunha antena Wi-Fi no casco histórico (concretamente na rúa Estreita nº 1) que consideran que está moi preto ás vivendas, polo que varios veciños trasladaron o seu malestar de xeito oficial ao Concello de Ourense, argumentando que podería ter efectos nocivos por mor das radiacións electromagnéticas emitidas e instando ás autoridades a instalar a antena nas aforas do casco histórico ou a buscar medios alternativos seguros como as redes de cable.
Dende o Concello aseguran que a radiación da rede Wi-Fi é inapreciable, entendendo os técnicos municipais que esta infraestrutura é «totalmente inocua para a saúde». Tamén aseguran que unha auditoría externa certificou a validez da instalación da antena, asegurando que está dentro dos valores fixados pola Organización Mundial da Saúde e os parámetros da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, organismo do que agardan a autorización administrativa para comezar a operar en breve.
Para tranquilizar á poboación realízanse distintas comparacións, asegurando que unha antena Wi-Fi emite dez veces menos radiación que un teléfono móbil, e incluso un transformador eléctrico emite moita máis radiación, sen provocar ningún tipo de alarma social.
Dende a TVG tamén visitaron o núcleo rural para coñecer máis detalles sobre esta polémica, entrevistando a Xoán Antonio Cid, presidente da Asociación de Veciños de Seixalbo, quen asegurou que os temores ante a nova rede estarían infundados, e atendería a unha demanda social:

PUBLICIDADE