PlayStation Portal permitirá xogar coa PS5 a distancia

mércores, 23 de agosto do 2023 Marcus Fernández

No PlayStation Showcase de maio Sony presentou o Project Q, unha especie de consola portátil orientada ao xogo en streaming, así como uns auriculares sen fíos, e agora estes produtos prepáranse para o seu lanzamento, adoptando nome comercial, e incorporan un novo accesorio: os auriculares sen fíos de diadema.
O dispositivo orientado ao xogo remoto de PlayStation 5 sería PlayStation Portal, unha pantalla LCD de 8 polgadas con resolución 1080p a 60 imaxes por segundo que conta nos seus laterais cos elementos clave dun mando DualSense, conseguindo así unha completa experiencia de xogo de PS5 a distancia. Este produto está pensado para conectarse á mesma rede Wi-Fi que a nosa PlayStation 5 e así poder gozar dos xogos dende outros currunchos da casa, e non para gozar do xogo na nube como podería pensarse nun primeiro momento. Este curioso trebello chegará ao mercado este mesmo ano a un prezo de 219,99 euros.
Máis interesantes son os auriculares sen fíos de diadema Pulse Elite, que ofrecen audio sen perda, integran un micrófono retráctil e tiran proveito da IA para a cancelación de ruído. Unha magnífica opción para quen queira somerxerse máis nos xogos. Empregan tecnoloxía de comunicación sen fíos de baixa latencia coa PlayStation 5, aínda que tamén son compatibles con Bluetooth para poder aproveitar os auriculares para o seu uso con ordenadores persoais e dispositivos móbiles. Terán un prezo de venda de 149,99 euros.
Os auriculares intraurales sen fíos Pulse Explore levarían un tipo de experiencia á que estamos afeitos en dispositivos móbiles á PS5, o que pode resultar axeitado para os usuarios que non son partidarios dos auriculares de grande tamaño, aínda que as súas vantaxes tamén supoñen un prezo superior: 219,99 euros.
Nas vindeiras semanas anunciaranse as datas de lanzamento destes produtos.

PlayStation Portal, Pulse Elite e Pulse Explore son os accesorios de PS5 dos que veñen de concretar nome e prezo

PUBLICIDADE