Play-Doc amosará unha vez máis o mellor cinema documental do ano

venres, 8 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Finalmente, e malia a que está caendo (non por falta de interese dos organizadores de calquera actividade cultural galega, senón por falta de axuda) presentouse unha nova edición do certame Play-Doc, o festival de documentais de Tui, un dos máis prestixiosos e senlleiros do noso panorama cinematográfico e que recentemente pasou por esta web para pór de manifesto que hoxe en día hai unha ampla comunidade de internautas para axudarnos a facer o que á maneira tradicional vai camiño de ser impensábel: financiármonos. Como lembraremos, os responsábeis de Play-Doc botaron man das metodoloxías do crowdfounding para a recadación de fondos orzamentarios. Ben, o caso é que finalmente habemus festival, e é motivo de celebración. Este xoves presentouse a nova edición, a novena, que se vai celebrar en Tui do 13 ao 17 de marzo. A inauguración terá lugar o mércores 13 ás 20.30 horas no Teatro Municipal.
A presentación deste evento correu a cargo dos directores do festival, Sara García e Ángel Sánchez, xunto ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e a concelleira de Cultura de Tui, Vanesa Rodríguez. Haberá, entre outras moitas cousas, múltiples ocos para dar conta do mellor cinema documental do ano, xunto a ciclos de grandes directores, como por exemplo Albert Maysles e Nicolás Guillén Landrián. Segundo fixeron saber os organizadores de Play-Doc, esta será sen dúbida unha das mellores edicións, unha edición na que cristaliza finalmente o labor despregado ao longo de case unha década, dando o mellor de si. Nisto terá moito que ver a presenza de directores senlleiros como os devanditos pero tamén o “intre óptimo que vive o documental galego con repercusión internacional”. Para Ángel Sánchez, nada hai no feito de tratarse dun certame feito dende Tui que repercuta negativamente na súa calidade e lonxitude de alcance. “Para nós”, dixo, “a periferia é un valor engadido” que impacta en cada un dos convidados de Play-Doc.
Sara e Ángel agradeceron o apoio das institucións e entidades privadas pero tamén dos colaboradores individuais e anónimos como son os Play-Doc Support que “máis aló do impacto económico, o que importa é o impacto moral que supón que haxa tanta xente detrás do festival que o quere apoiar directamente”. Os Play-Doc Support, precisamente, foron os internautas que contribuíron a financiar o evento a través da dita campaña de recadación de fondos e facendo uso da metodoloxía de crowdfounding (mobilización de pequenos produtores-internautas).
Aludiron tamén á visibilidade que se lle dá ao audiovisual galego tanto durante o festival, cos contactos que se fixeron nas distintas edicións, pero tamén nas actividades que Play-Doc realizou ao longo do ano tratando de propor programación con documental galego fóra das nosas fronteiras porque “cremos profundamente no talento que hai en Galicia”.

PUBLICIDADE