Play-Doc, a pola terceira edición proxectando en Tui documentais de todo o mundo

venres, 16 de febreiro do 2007 Raquel Noya

O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, que unha vez máis nos achega a Galiza o máis innovador deste xénero dende dentro e fóra das nosas fronteiras, vai celebrar xa (do 21 ó 25 de marzo) a súa terceira edición. O Teatro Principal da cidade será a sede do certame, onde se proxectarán un total de 27 documentais que pasaron a selección de entre os máis de 500 recibidos.
O Play-Doc trae a Tui toda clase de documentais procedentes do Reino Unido, Canadá, Camerún, Francia, Suecia, Sudáfrica, República Checa, Croacia, Países Baixos, Angola, Lituania, España e Portugal, que conforman as 15 creacións que se proxectarán na Sección Oficial a Concurso dentro das categorías de longametraxes, curtametraxes e Atlántico. Un xurado de prestixio internacional será o responsable de outorgar os premios.
O novo e independente festival galego aposta este ano por un ciclo dedicado á globalización e outro ó medio ambiente, ós que se suma Foco Galicia, unha sección na que cinco producións galegas optarán ó premio.
Nesta terceira edición, abrirase tamén unha fiestra ó programa DOC´s Galicia, na que se proxectarán algúns dos seus documentais e, ademais, en compromiso co apoio ós novos realizadores galegos, Play-Doc participará directamente na produción dunha película, resultante do taller Play-Avid.doc, concibido como un proceso de selección permanente, no que os gañadores terán a opción de converter o seu proxecto nunha longametraxe documental.
Tamén haberá un apartado especial dedicado ó controvertido e polifacético artista norteamericano Ron English e actuacións en directo dos protagonistas dos documentais presentados na sección de música, Ljiljana Buttler e a Mostar Sevdah Reunion.
Cómpre salientar que polas edicións anteriores do certame chegaron a pasar 12.000 espectadores. Esta festa do audiovisual xa ocupa hoxe en día un lugar máis que salientable entre os eventos cinenamotagráficos que xiran arredor dos documentais e a nivel internacional.

PUBLICIDADE