Piden que TVE emita en panorámico

luns, 11 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

A poucos días para o apagamento analóxico en moitas partes de Galicia, moitos son os consumidores que aproveitaron a ocasión para renovar o seu televisor principal, adquirindo un con TDT incorporada, atopando que as emisións actuais non poden verse con satisfacción por culpa de que os televisores son panorámicos (16:9) mentres que a meirande parte das emisións son en formato tradicional (4:3) polo que non enchen a pantalla por completo ou teñen que deformarse ou recortarse as imaxes para facer tal e, precisamente por iso, un blog dedícase a esixir que Televisión Española modernice as súas emisións, criticando que vaian a emitir en alta definición a través de TVE HD antes de normalizar o 16:9 nas emisións ordinarias.
Incluso critican o que está a facer TVE nas retransmisións deportivas, onde amosan os contidos en falso panorámico (14:9) o que vai en detrimento tanto dos usuarios con televisores vellos coma nas pantallas actuais, posto que en ningún dos casos conséguese unha visualización óptima (o que resulta lamentable se consideramos que as imaxes en orixe son 16:9).
Resulta tamén bastante criticable que Clan TVE, 24 Horas e Teledeporte tampouco emitan en panorámico pese a ser canles puramente dixitais, o que resulta inxustificable nun momento no que canles privadas como La Sexta e Cuatro, e autonómicas como TV3, Aragón TV e a propia TVG comezan a facer as súa achegas ao formato 16:9.
Un dos argumentos para defender o formato 16:9 é que os usuarios de televisores panorámicos verían as emisións de xeito óptimo, mentres que os usuarios de televisores de 4:3 poderían decidir por si mesmos se ver a imaxe con bandas negras superiores e inferiores ou recortando os laterais das imaxes (opción presente nos receptores de TDT), dando a liberdade aos consumidores e non impondo cómo o espectador debe ver a televisión.

Demostración de que o falso panorámico vese mal en calquera televisor
Demostración de que o formato 16:9 é o que dá máis liberdade ao usuario

PUBLICIDADE